Diverciencia 2008. Granxas Dixitais. O IES Rosalía de Castro visita Pazo Sabadelle
O pasado día 10 de novembro do 2008, o instituto Rosalía de Castro de Santiago de Compostela participou no proxecto “Diverciencia. Granxas Dixitais”, para o que previamente fora seleccionado.
Os rapaces e rapazas de entre 13 e 15 anos de idade tiveron a oportunidade de gozar dunha xornada didáctica nunha granxa seleccionada para o desenvolvemento das actividades.
O grupo de xoves foi acompañado por Carlos Ferrás, director do Gis-T. IDEGA , do proxecto Diverciencia e mestre na facultade de Xeografía e Historia da USC; Carlos Macía, doutor en Xeografía e integrante do grupo de investigación Gis-T. IDEGA da USC; mestres do propio instituto Rosalía de Castro, e polos colaboradores das granxas visitadas (Xosé Inocencio Figueroa da granxa ecolóxica Pazo de Sabadelle, e a explotación intensiva Sociedade Agraria de Transformación Santa Rosa) situadas en Chantada, zona de abundantes casas señoriais e gran beleza paisaxística localizada na provincia de Lugo.
A saída tivo lugar ás 10 da mañá dende o propio instituto, lugar no que estarían de volta arredor das 17:30.
O grupo de estudantes puido comprobar de primeira man as diferenzas entre unha explotación gandeira de carácter intensivo e outra de carácter extensivo e ecolóxico.
Na explotación gandeira
Ademais coñeceron o proceso de elaboración do queixo e visitaron as bodeguiñas tradicionais da Ribeira Sacra así coma as instalacións de Adegas Lareu, onde foron guiados por tódolos pasos do proceso de elaboración do viño, podendo establecer ó mesmo tempo unha comparativa entre os métodos máis tradicionais e os máis modernos da elaboración e conservación da bebida.
Escoitando e aprendendo
Así mesmo foilles amosado o Pazo de Sabadelle, sendo deste xeito testemuñas das peculiaridades deste tipo de mostras arquitectónicas tan típicas do territorio galego.
Outra das actividades da intensa xornada desenvolveuse á beira do embalse de Belesar, onde se lles explicou pormenorizadamente ós alumnos o impacto socio-económico, climático, ecolóxico, etc... da construción desta colosal presa no cauce do río Miño.
Unha vez chegada ó seu fin, a xornada didáctica tivo un inmellorable colofón coa entrega dunha mostra de produtos da granxa Pazo de Sabadelle a cada rapaz/a.
A continuación amósanse algúns dos traballos realizados polos alumnos trala viaxe. Preme aquí para descargalos.
Queremos agradecer dende o grupo de investigación GIS-T da Universidade de Santiago de Compostela a colaboración de Xosé Inocencio, o granxeiro de Pazo Sabadelle, así como a participación do instituto Rosalía de Castro no proxecto Diverciencia. Granxas Dixitais.
[C] Granxa Familiar. 2007. Todos los derechos reservados. Aviso Legal.
Máis información no Telef. 647 344 270